ALLARIZ

parroquias de melide

MÁIS PARROQUIAS

/504403158292525912/bb_t047_v000_s0un_f00/images/xslide2.gif" ismap="ismap"/>

GALIZA-CAMERÚN:A IRMANDIÑA INVICTA

duascentas fotos

CAMIÑANDO EN MELIDE

VIAXE A USA

HOLANDA

miércoles, 29 de octubre de 2008

BILINGUE


FOUCELLAS


Benigno Andrade, 1908 - 'O Foucellas', 1952
Hai un século nacía na parroquia das Foucellas Benigno Andrade García; 44 anos despois executaban na Coruña 'O Foucellas'.

Benigno Andrade García, O Foucellas, é o máis lendario e popular dos guerrilleiros antifranquistas. Naceu o 22 de outubro de 1908 na aldea das Foucellas, parroquia de Cabrui (Concello de Mesía), e morreu executado a garrote vil o 7 de agosto de 1952 na Coruña.
Aínda que o franquismo o acosou sen acougo, a súa astucia permitiulle fuxir das forzas represivas e converterse nun heroe silencioso do pobo. Tal foi así que o nome de Foucellas chegou a ser sinónimo de guerrilleiro en case todo o país.

1908, 22 de outubro: Nace nas Foucellas, parroquia de Cabrui (Mesía), Benigno Andrade. Traballa no campo, nunha leitaría e nas minas de carbón de Fabero (O Bierzo).


1930-36: Participa na fundación da célula comunista de Curtis, xunto co doutor Manuel Calvelo López, a muller deste, Isabel Ríos Lazcano, e a súa propia esposa, María Pérez Mellid.


1936: A Fronte Popular gaña as eleccións do 16 de febreiro. Andrade, afiliado á CNT, traballa nunha serraría no momento en que se produce o alzamento militar en Galiza, o 20 de xullo. Forma parte dunha columna que sae dende Curtis cara á Coruña en apoio das forzas leais á República, mais cando chegan a cidade xa está tomada polos sublevados. Regresa a Curtis e bótase ao monte para salvar a vida da represión que xa exercían os falanxistas e demais fascistas. Entre outros, mandaran fusilar a Calvelo no cárcere de Compostela.


1941: A Garda Civil toma consciencia da actividade guerrilleira do Foucellas. Sitúao á fronte dun grupo da Resistencia que operaba na zona de Arzúa e Sobrado dos Monxes. No tempo que leva fuxido sobrevive grazas á axuda do pobo, e noutros casos con atracos de subsistencia.


1943: O Partido Comunista lidera o proceso de subministro de armas aos fuxidos no monte. O Foucellas entra na IV Agrupación Guerrilleira de Galiza, convidado polo guerrilleiro Manuel Ponte Pedreira.


1944, finais de ano: IV Congreso de Federacións de Guerrillas. O PC faise co control da organización da loita guerrilleira en Galiza. Antón Seoane (xefe militar) e Xosé Gómez Gayoso (secretario xeral) regresan de Arxentina e Cuba, respectivamente, e toman o mando.


1945, febreiro: O Foucellas mata o cabo da Garda Civil de Curtis. Días despois férese involuntariamente coa arma que levaba no seu cabalo. A Garda Civil detén e interroga numerosas persoas, entre estas a súa muller, María Pérez, á que lle ofrecen cartos en troques de delatalo. Os seus compañeiros trasládano ao sanatorio San Nicolás da Coruña, onde o operan baixo o nome falso de Juan Fernández.


1945-1946: Pasa varios meses recuperándose nunha casa do barrio de Monelos. Asiste en varias ocasións ao estadio de Riazor, disfrazado de crego, para ver xogar ao Deportivo, do que era un gran seareiro, especialmente do porteiro Xoán Acuña.


1947, xaneiro: O Foucellas reincorpórase á loita armada. As discrepancias con Gómez Gayoso e Seoane -que non gustan do seu carácter anárquico- fan que mude a súa zona de actuación.


1947, abril: Matan o guerrilleiro Manuel Ponte, un dos máis activos do país. Como consecuencia, O Foucellas marcha destinado a bisbarras máis meridionais (Lalín, Caldas, Arousa) á fronte do Destacamento Manolito Bello da V Agrupación.


1948: O PCE (Santiago Carrillo e Dolores Ibárruri, A Pasionaria) e Stalin negocian a rendición das guerrillas. Comezan os malos tempos para a Resistencia en Galiza, xusto cando esta semellaba estar máis forte.


1948, 6 de novembro: Morren executados na Coruña Seoane e Gómez Gayoso.


1948-1951: A actividade guerrilleira do Foucellas diminúe a medida que van caendo os seus compañeiros de loita. No entanto, para as autoridades franquistas a súa captura convertérase en algo obsesivo, prometéndolles aos delatores cartos, propiedades e mesmo pasaxes para viaxar a América.


1952, 9 de marzo: A Garda Civil detén O Foucellas na Costa da Regueira (Oza dos Ríos), onde permanecía agochado nunha cova-refuxio, cando se ía asear ao río Mendo; estábase a preparar para ir de festa. Un dos disparos impáctalle nunha perna.


1952, 26 de xuño: Xúlgano en consello de guerra na Agrupación da Sanidade Militar da Coruña.


1952, 7 de agosto: Execútano a garrote vil no cárcere da Coruña. Os seus restos mortais repousan no cemiterio de San Amaro da cidade, nunha foxa común.

SOS COUREL

SOS Courel desafía a Fiscalía a investigar as agresións ao patrimonio na zona
Despois de que o fiscal xefe do TSXG indicase que a cidadanía fai poucas denuncias sobre atentados ao patrimonio, o colectivo envíalle unha peneira das que eles mesmos realizaron.

De xeito concreto, a plataforma SOS Courel destaca o caso da canteira da Campa, activa aínda sen sequera licenza municipal, recordando que lle afecta a unha superficie de máis de 300 mil metros cadrados en terreos que teñen recoñecida a súa protección medioambiental especial. Lémbranlle á fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que o Courel "no seu conxunto pertence ao Patrimonio Cultural" desde a protección estabelecida hai case vinte anos. Sinalan ao fío que malia que a orde de peche desta canteira foi confirmada polo TSXG, a Xunta "non só non cumpriu a súa propia orde, senón que lle deu autorización autonómica en xullo de 2007". As obras nunha vía a pé da devesa da Rogueira que destruíron un camiño milenario, unha fundición romana e o circo do glaciar do Céramo ou o impacto de pistas e corta-lumes en mámoas, castros, covas e camiños tradicionais no contorno de lugares como Froxán e Seceda, son outras denuncias que aparecen na escolma que SOS Courel lle vai enviar ao fiscal. Estragos dos que acusan a diversos departamentos do Goberno, e sobre as que desafían a fiscalía a prestarlle a súa atención. O pronunciamento da plataforma chega despois de que o fiscal xefe, Carlos Varela, explicase esta semana que bota en falta que se produzan máis demandas xudiciais sobre delitos ao patrimonio e recomendase concienciar a asociacións e administracións. A maiores SOS Courel advirte da existencia de "atentados perpetrados para intimidar" a membros do colectivo.

REPUBLICA GALEGA


Indentifíquese co DNI da República Galega
O colectivo Espazo Aberto-Mocidade, integrado en Galiza Nova, pon en marcha unha campaña a prol dun documento identificativo propio.
“A edición deste documento pretende ser un exercicio de reafirmación da nosa entidade galega”, así explican dende o colectivo Espazo Aberto-Mocidade a campaña que queren poñer en marcha por todo o país baixo o lema de “Identifícate. Eu son cidadán/a da República Galega”.

A organización integrada en Galiza Nova sinala que “a diferenza doutro tipo de identidades excluíntes, pechadas e resignadas, recollemos as verbas de Castelao, nas que cualificaba a Galiza como unha célula de universalidade”.Se queres ter máis información sobre esta iniciativa.

jueves, 9 de octubre de 2008

Ramón suarez picallo




Repatrian os restos de Ramón Suárez Picallo
Unha delegación institucional viaxa esta semana a Bos Aires para xestionar o cumprimento do desexo do galeguista, que en diante descansará no cemiterio de Fiunchedo, na súa Sada natal.


O Alcalde de Sada e o Secretario Xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia chegarán este mércores a Bos Aires nunha viaxe que ten como propósito a repatriación a Galiza dos restos mortais de Ramón Suárez Picallo.


Segundo pedira en vida, o deputado galeguista Ramón Suárez Picallo descansará no cemiterio de Fiunchedo, na súa Sada natal, cando fagan corenta anos do seu pasamento o vindeiro martes, día 14 de outubro. Para iso, o alcalde de Sada, o nacionalista Abel López Soto, e o secretario Xeral de Relacións Institucionais da Vicepresidencia, Xoán Antón Pérez Lema, chegan este mércores a Bos Aires, para repatriar os restos mortais do avogado e xornalista galego falecido no Centro Galego de Bos Aires no ano 1964 e soterrado no cemiterio porteño da Chacarita.


A volta dos restos de Suárez Picallo será o acto central do ‘Ano dos Irmáns Suárez Picallo’, organizado polo municipio e co que colabora a Vicepresidencia. Terá lugar na mesma data do seu pasamento pero corenta anos despois e para conmemorala, o Concello de Sada organizará unha homenaxe funeraria ao maior dos Irmáns Suárez Picallo no cemiterio municipal do Fiunchedo. Posteriormente, tamén no camposanto, visitarase a tumba do seu irmán Xoán Antón, asasinado no ano 1936.


Os restos funerarios de Ramón Suárez Picallo descansan desde hai máis de catro décadas no cemiterio bonaerense da Chacarita. Ata alí chegará a comitiva de funcionarios galegos xunto cos representantes da colectividade galega en Bos Aires que tamén organizou un feixe de actividades para despedir ao amigo e ao protagonista da súa vida social e política.


Na mañá do venres, e ao son dunha gaita, terá lugar a retirada do ataúde no Panteón de Galegos Ilustres do camposanto da Chacarita onde levan catro décadas os restos do deputado galeguista e fundador do Consello de Galiza.


Entre os días 11 e 14 de outubro o Centro Español de Sada e Contornos, a Federación de Sociedades Galegas e o Centro Galicia (a institución que hoxe integra o daquela Centro Lucense onde Suárez Picallo traballou arreo) organizarán homenaxes en memoria do galeguista e para despedilo desta cidade na que pasou tantos anos.

Quen é o perseguido

Unha imprenta coruñesa cobraba un sobreprezo por imprimir en galego
Esta é unha das case 200 queixas recollidas na cidade da Coruña polo programa Liña do Galego, nos 10 meses que leva funcionando.


A Liña do Galego botou a andar a finais do ano pasado, como resultado dunha iniciativa da Mesa Pola Normalización Lingüística. A finalidade deste proxecto é ofrecer asesoramento e apoio ante aqueles casos nos que sexan vulnerados os dereitos que, por lei, se lle recoñecen ao noso idioma. A Mesa e a Concellaría de Educación de Coruña ofreceron unha rolda de prensa conxunta para facer balance dos resultados recollidos na cidade, onde se rexistraron 181 queixas, 25 consultas e nove chamadas de parabéns. De entre as 181 queixas chaman a atención a da imprenta Porvén, que engadía un sobreprezo aos traballos impresos en galego. Á Liña do Galego chegaron dúas queixas de particulares que encargaron a impresión de textos en galego que chegaban á empresa preparados para plasmarse no papel. Tratábase dun recordatorio da primeira comuñón e unha invitación de voda. En base a estas queixas A Mesa pediu á empresa que suprimira o sobreprezo e esta rematou por acceder. Outro caso é o dun xefe de sección do Carrefour, quen respondeu a unha empregada que falaba en galego coa seguinte frase: "Burra, no me hables en lenguas menores". No que se refire á súa división por sectores, o Concello da Coruña rexistrou 109 queixas, a delegación da administración galega seis e o ensino 28. As queixas referidas ás institucións públicas son maioría, e só 19 chegan de empresas privadas.Ao falar das 25 consultas recibidas, o presidente da Mesa, Carlos Callón, afirmou que "algunhas das consultas foron de persoas que queren dar a coñecer casos de discriminación mais que non se atreven a dar o paso de presentar unha queixa pola especial vulnerabilidade das súas situacións". Callón valorou de forma positiva o funcionamento da Liña do Galego, que definiu como unha iniciativa "útil e innovadora".A concelleira de Normalización Lingüística da cidade, Ermitas Valencia, afirmou que este proxecto constitúe un termómetro para eles, permitíndolles avaliar o funcionamento da propia Concellaría.

domingo, 5 de octubre de 2008

En Galego


Unha concursante que cantou en galego na televisión francesa, nova musa de Sei o que nos figestes... nos últimos 525 anos .

O seu blog actualízase para facer un seguimento dos famosos do país. Desta volta, lémbrase a figura de Eva Freire, a xa ex-concursante do reality show Gran Hermano, natural de Vimianzo e que contestou cun orgulloso "Grazas" cando lle dixeron que case non tiña acento galego.Ao contrario, Sei o que... reivindica a figura de Ana Palomo, filla de emigrantes en Bruxelas que participou no concurso da canle privada francesa TF1 Star Academy 8 cantando en galego. Así, iniciou unha campaña de petición de apoios ao Parlamento, para que aprobe unha moción de apoio a Ana, e mais a Xosé Manuel Piñeiro, para que faga un seguimento diario da súa traxectoria no concurso.Outra das actualizacións é un vídeo de Paquirrín convidando a asistir á Festa Española que se desenvolverá o 11 de outubro no centro social a Gentalha do Pichel, en Compostela. Por último, engadiuse esta quinta feira un fondo de escritorio alusivo á Doma e Castración do reino de Galiza inspirado na campaña publicitaria dunha coñecida marca de moda.
Tendes o video nesta dirección:www.seioque.com

Unha nación unha selección


Galiza na final do mundial de futbito feminino
Galiza xogará a final do Primeiro Campionato Mundial de Futbol Sala feminino que se ven disputando esta semana en Reus. Gañoulle no último partido da fase 5-4 a Colombia.

A reivindicación de seleccións deportivas propias ten xa unhas novas heroínas, nas mulleres que participaron esta semana no Campionato Mundial de Reus de Futbol Sala. Vitorias contundentes na fase previa, e unha mínima derrota ante Rusia, permitiulle chegar á final do campeonato, que hoxe se disputará en Reus.
O triunfo ante as colombianas foi complicado, porque despois de estar 3-1 no descanso produciuse unha remontada que levou á prórroga e os penalties.
Pola medalla de bronce pelexarán colombianas e rusas.