O BNG cualifica como 'desoladora' a situación do galego na sanidade
O deputado do grupo parlamentar do BNG, Bieito Lobeira, cualificou hoxe a situación do galego na sanidade de 'desoladora' e asegurou que segue a haber moitos tabús e prexuízos por parte dos usuarios á hora de se dirixir a un facultativo no seu idioma.
Lobeira recoñeceu que se produciron avances no cumprimento do Plan de Normalización neste ámbito e que hai “actitudes honrosas” froito do “voluntarismo” dalgún dos profesionais pero advertiu que cómpre ir máis alá e traballar por medidas prácticas que garantan a relación de cercanía paciente-facultativo, fundamental para unha calidade digna dos servizos sanitarios.
O parlamentar lembrou que Galiza acolle moitos pacientes maiores de 65 anos e nesa franxa de idade o 91 por cento son só galegofalantes, pero seguen a sufrir o prexuízo de mudar de idioma cando teñen que se dirixir ao médico.
Ademais, o deputado recriminou ao Secretario Xeral do Sergas por non se expresar en galego no Parlamento, lembrando que é unha obriga do Plano de Normalización, do que o novo goberno fixo bandeira comprometéndose ao seu cumprimento durante a lexislatura, que os cargos públicos se expresen neste idioma no desenvolvemento das súas funcións.
Sanidade promete un 'esforzo'
Polas súa parte, a secretaria xeral da consellaría, Pilar Fernández, asegurou que trasladará a todos os departamentos que se faga un esforzo por empregar o galego e recoñeceu que a situación do idioma na Sanidade e o grao de cumprimento na mesma do Plano de Normalización é mellorábel.
Non obstante, asegurou que a vontade do seu departamento é firme para solventar esta situación, tanto no que atinxe a que haxa máis presenza nas diferentes actividades como á hora de garantir a defensa dos dereitos dos cidadáns
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario