O sector do libro respóndelle a López Chaves
Varios colectivos relacionados coas industrias da edición emiten un comunicado en que salientan o 'desprezo á cultura' do deputado popular e a vontade 'electoralista' das súas acusacións.
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de profesionais da Ilustración (AGPI) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) enviaron hoxe un comunicado en que critican as acusacións lanzadas por Ignacio López-Chaves a semana pasada. O deputado popular consideraba esaxerado o investimento económico e humano, acusou á Consellaría de Cultura de viaxar a Cuba "cun séquito superior ao dun xefe de Estado" e de escoller aos persoeiros da cultura que integraron a representación galega na Feira Internacional do Libro da Habana baseándose en afinidades ideolóxicas. Os colectivos asinantes lamentaron que o parlamentario popular "non valore o feito histórico de que Galiza fose por primeira vez país invitado nun evento cultural de tal magnitude"."Supón un inaceptábel desprezo á cultura en xeral e aos que representamos á cultura do noso país, en particular", afirman, amais de recalcaren que as persoas que formaron parte da delegación "foron á Cuba polas súas capacidades literarias, artísticas e profesionais contrastadas e doadamente verificábeis". Tamén lembran que o Partido Popular sabía de antemán canto era o orzamento dedicado ao evento, e puido presentar enmendas no seu momento. Facelo agora, segundo o comunicado, evidencia "a pretensión de crear dúbidas na cidadanía no contexto da recente campaña electoral".
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario