![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgnyatwH3sifQF1uLZ9Ftj_ILbzqwU9UGf7intWmfHOE5RZoDcM5gYWsp47O92R6hHgXLlqAWJVPyBB7Ie18_GkKoWfmXxLRQ6lnTJogr1d22D7mANfOhozcNonOG3d4k6PT2E-ZVUy0_mQ/s320/ole-t-shirt.jpg)
A plataforma Galicia Mellor sen Touradas denunciou a celebración de "festexos taurinos" na vila de Padrón este domingo, un evento que, segundo este colectivo, está participado polo goberno local, que colabora aportando "diñeiro público" -uns 12 mil euros-, a "unha actividade que rexeita a meirande parte da cidadanía galega".
Dende este colectivo tamén sinalan que o Concello de Padrón leva 16 anos incumprindo a Lei galega de Protección Animal, "que obriga a todo municipio a dispor dos servizos básicos de recollida e aloxamento de animais abandonados", mentres, por outra banda, dispoñibiliza financiamento e "dedicación por parte dos responsábeis municipais" a uns actos nos que se "maltratan seres vivos". Nesta liña, as organizacións integrantes da Plataforma GMST instan o consistorio a que faga públicos os orzamentos dedicados ás touradas, "para que todos as e os habitantes de Padrón coñezan cantos cartos tiveron que gastar en torturar animais, e non en fomentar o emprego ou na mellora dos servizos básicos municipais", subliñan.
Para protestar contra as touradas que se organizaron para este domingo en Padrón, a organización Galiza Nova convocou unha concentración diante da praza móbil, ás 17h30, apelando a que "a idiosincrasia da "festa taurina" non está articulada en nome da realidade social, e cultural de Galiza".
No hay comentarios:
Publicar un comentario