O prototipo, baseado no motor Opentrad, está xa de balde a disposición dos internautas.
A empresa Imaxin Software presentou este mércores no Club Internacional de Prensa o primeiro tradutor inglés-galego/galego-inglés que, ademais, é de código aberto. O servizo atópase aínda en fase de prototipo, aínda que os seus responsábeis aseguran que seguirá a mellorar rapidamente. Está baseado, ademais, no motor Opentrad.O proxecto foi financiado pola Consellaría de Innovación e Industria e contou coa colaboración das universidades de Vigo e Santiago de Compostela. Segundo explicou o director de márketing de Imaxin, Diego Vázquez, dispoñer dunha ferramenta deste tipo é de vital importancia para o desenvolvemento do país, que comparou co das infraestruturas de transporte. Afirmou que fai accesíbel a información escrita en inglés, que xa se converteu en lingua franca, e ao mesmo tempo pon os contidos en galego ao dispor do resto do mundo.O responsábel do proxecto, José Ramom Pichel, explicou que, dado o afastamento que existe entre o galego e o inglés, é máis complicado conseguir programar un tradutor automático que ofreza resultados á altura dos tradutores galego-castelán, por exemplo. Porén, dixo que o prototipo, ao quedar liberado para a súa modificación e desenvolvemento pola comunidade, por ser de código aberto, irá mellorando constantemente.Ademais, aínda que as traducións non son perfectas -algo que nunca conseguen os tradutores automáticos-, si permiten a intelixibilidade dos contidos para persoas que non falen a lingua da que proceden.O desenvolvemento do tradutor levou entre seis meses e un ano e, segundo os seus autores, aspira a poñerse á altura doutras ferramentas privativas semellantes que levan unha década no mercado, como o Systran, que usa comercialmente Google, por exemplo.O tradutor poderase probar no enderezo http://opentrad.imaxin.com/
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario