En novembro de 2002 o profesor gorvense faleceu nun accidente de tráfico en Nova York.
Nestes tempos nos que se fala tanto de 'internacionalización' cómpre lembrar a Xoán González-Millán, un dos principais dinamizadores da cultura galega nas universidades estranxeiras. Gran difusor da literatura galega no mundo e importador das correntes máis modernas do estudio da literatura, foi autor de Communication littéraire et Culture en Galice (con Antón Figueroa) e de diversos artigos sobre o papel da literatura na conformación das nacionalidades. Millán foi tamén presidente da Asociación Internacional de Estudios Galegos. Hai seis anos el e a súa dona, Esperanza Canedo, morreron nun accidente de tráfico en Nova York, onde el era profesor universitario. Foi tamén o mes do Prestige.A súa perda foi causa dun profundo pesar no mundo académico galego e nos centros universitarios de cultura galega no exterior.
En 2002 Vieiros publicou unha serie de artigos escritos por algúns dos seus compañeiros e amigos, como Carmén Millán, Francisco Fernández Rei, Silvia Bermúdez, Camiño Noia, Xosé María Dobarro, Gabriel Rei-Doval, Craig Patterson ou Kathleen N. March. Recollémolos de novo agora. Tamén achegamos un artigo do propio González-Millán, titulado Lexicografía e nación literaria.O profesor Arturo Casas lembra e reivindica a González-Millán no seu blog, e xa hai uns días falaba del ao salientar a importancia de "atender os lugares nos que a academia exterior foi quen de crear polos de actividade galeguista e de promoción do coñecemento e a investigación no ámbito dos Estudos Galegos. Algo que tan ben soubo facer, con vigor colaborativo e sempre cordial, un home insubstituíbel, Xoán González-Millán".
"Xoán, fuches un faro do galeguismo para nós alá en América. Non deixabas nunca de inspirarnos e de animarnos cos teus numerosos proxectos, e a túa lembranza seguirá resplandecendo coa brillantez que te caracterizou sempre. Cando pensemos en Nova York, cando baixemos pola Fifth Avenue, cando pensemos en Galicia e no Grove, sempre, sempre pensaremos en ti e na túa chama inmorredoira e afectiva".Amigo Xoán (Craig Patterson)
No hay comentarios:
Publicar un comentario