Chega o outono e con él as castañas, as caveiras de melón, os calacús, as abóboras; chegan as augas e os tempos escuros, remata o verán e encétase o inverno, vaise a calor e vén o frío: acaban as romarías ao sol e inícianse os fiadeiros a carón do lume: son os tempos de Samaín.
Samaín, palabra gaélica, non significa máis que fin do verán, principio do inverno. Na antiga cultura céltica o tempo de Samaín, especialmente a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro, era o período máis importante do ano. Eran datas claves para se reunir nos camposantos, comer o ritual e comunal porco de samaín e concelebrar as farradas festeiras dos guerreiros. Era a noite máis perigosa do ano: as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores: tantas veces para render contas inacabadas.
Para afastar dos seus castros as perigosas ánimas defuntas e errantes adoitaban poñer no alto das muradas, ou encastradas nas paredes, as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña. De aquí, dos ritos e crenzas célticas ao redor da caveira, vén a tradición europea de facer caliveras na cortiza dos melóns, ou cabazos, ou calabazotes. Tradición que, grazas ás investigacións do profesor galego Lopez Loureiro, sabemos que se estende por toda a antiga xeografía céltica europea e concretamente para o caso de España, por todas as zonas con presencia do elemento céltico ben documentado. En Galiza atopámola en toda a súa xeografía, non faltando esta tradición en ningunha das súas bisbarras e aportando un folclore similar aínda que dándolles nomes diferentes: calacús polas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira, colondros en Ourense...etc.
O Samaín é o antecedente europeo do Halloween americano. Tradición de orixe europeo foi levada polos emigrantes a terras americanas e de alí transmutouse nun carnaval outonal.
É unha tradición aínda hoxe presente en numerosas pedanías rurais das comunidades do norte e centro da Península Ibérica: Galiza, Asturias, Aragón, Cantabria, Castela-León, Madrid, Cuenca, Guadalajara..etc.
SABIAS QUE???
... dende hai xa dezasete anos na vila de Cedeira celébrase a Festa de Samaín?
... en Chubut, Arxentina, as comunidades galesas e galegas celebran conxuntamente esta tradición ?
... ao día de hoxe varias localidades francesas están a iniciar tamén as súas Festas de Samaín, para contrapoñelas ao Halloween?
... certas comunidades progresistas de EEUU están celebrando estas datas co nome de Samaín e non Halloween?
... fomos nós, os galegos, os primeiros europeos que erguemos a idea de Samaín para facerlle fronte á alienante moda do Halloween?
No hay comentarios:
Publicar un comentario