Feijóo reivindica os dereitos constitucionais en materia lingüística
O futuro presidente da Xunta alude á Constitución para sinalar que, na cuestión da lingua, está por riba da decisión de calquera órgano
Alberto Núñez Feijóo
O líder do PPdeG e futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe os dereitos constitucionais en materia lingüística e colocounos "por riba" da decisión de "calquera órgano".
Deste xeito pronunciouse o dirixente popular, tras reprobar que o pleno do Parlamento Europeo rexeitase onte o informe sobre multilingüismo que pedía garantir aos pais o dereito a elixir o idioma de escolarización dos seus fillos. En cambio, a Eurocámara aprobou un texto alternativo do PSOE, CIU, PNV, EA e ICV en defensa do modelo lingüístico catalán.
A preguntas dos xornalistas, o líder dos populares galegos considerou que a postura socialista foi "un erro", polo que concluíu que o PSOE "saberá a responsabilidade da súa decisión". "Equivocouse", resumiu Feijóo, logo de recordar que o informe orixinal elaborado polo portugués Vasco Graça Moura - Partido Popular Europeo - fora aprobado pola comisión de Cultura e Educación da Eurocámara xunto a varias enmendas propostas por Luís Herrero (PP).
Para Feijóo, o PSOE ten "unha mensaxe" nas comunidades monolingües e "outro distinto" nas autonomías con varias linguas cooficiais e, fronte a isto, reivindicou a postura do PP sobre a cuestión lingüística.
"Bilingüismo cordial"
Así, volveu defender a promoción e respecto á lingua propia e, paralelamente, avogou por respectar tamén a liberdade de cada individuo para "exercer calquera dos dous idiomas".
En base a este razoamento, censurou que os socialistas rexeitasen o ditame no Parlamento europeo, malia que defendía "algo tan fundamental" como o "bilingüismo cordial", e mostrouse convencido de que esta é "a postura máis sentida" polos votantes do PP e do PSOE en Galiza, así como por "moitos" do BNG.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario