A noite do 1 de Marzo, xa confirmada a vitoria do PP, Núñez Feijoo comprometeuse solemnemente a “traballar con todos desde mañán mesmo para lle facer frente á crise”, dando deste xeito continuidade á promesa electoral de acabar coa crise en corenta e cinco días.
No discurso de investidura anunciou a inmediata presentación de senllos planos, un estratéxico con medidas a longo e meio prazo e outro de choque (contra quen?) para lle facer frente á crise. E, porén, após un mes de goberno seguimos nas mesmas. Apenas 6 millóns de euros para financiar a adquisición de 7.000 vehículos e, iso sí, rebaixas fiscais para facilitar que o lobby inmobiliario poda vender, sen lles rebaixar o prezo, o parque de vivendas baleiras.
Polo demais Núñez Feijoo limítase a copiar os primeiros pasos de Aznar en 1996, no inicio do seu primeiro mandato. Descoberta de supostos buratos orzamentais cos que xustificar, por se a finxida austeridade non bastase, recortes nos servizos públicos e nas prestacións sociais e, onde o de Valladolid levantara a polémica do ensino da historia e das humanidades, combate contra a lingua galega co fin de mobilizar o seu electorado máis radical e, ao tempo, distraer a atención da inacción da Xunta frente a crise económica e social que padecemos.
Todo é moi previsíbel. Todo moi coherente co que o PP representa. Porque en realidade o que lle piden os seus patrocinadores –o efusivo presidente de Iberdrola, o Fontenla da grande patronal, o Jove de Fadesa e Caramelo ou o Pascual de Outeiro de Rei - non é que a Xunta goberne. Ben ao contrario: o que estes grandes especuladores demandan da Xunta é que lles deixe gobernar a eles. E, de facto, son eles os que mandan en Galiza xa desde a mesma noite das eleccións. Mal se confirmou a vitoria do PP e xa algunhas industrias deixaron de recoller o leite, botaron os prezos abaixo, multiplicaron os expedientes de regulación de emprego e deixaron en vía morta os convenios que se estaban a negociar.
A consigna é clara: barra libre, que chegan os nosos! Eis a verdadeira trascendencia económica da vitoria do PP. Velaquí o seu verdadeiro programa contra a crise
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario