Para a Igrexa e o Instituto Cervantes, o Camiño pasa por ‘Mellid’
A importancia dun evento como o Xacobeo fai que numerosas entidades, tanto galegas como estatais, se impliquen na súa promoción. Con todo, en ocasións –por ignorancia, descuido ou con intencionalidade– esa publicidade fai que a imaxe que se da do Camiño e de Galicia non sexa a adecuada.
Así, con só botar unha ollada ás webs de diferentes entidades compróbase como fan uso de toponónimos deturpados á hora de explicar as vilas por onde trascorren as Rutas Xacobeas.
O caso máis chamativo é o Centro Virtual do Instituto Cervantes, a “institución pública creada por España en 1991 para la promoción y la enseñanza de la lengua española y para la difusión de la cultura española e hispanoamericana”. Mentres se encargan de divulgar o castelán, co galego fan ‘atentados’ lingüísticos.
dende ‘el cebrero’ a ‘mellid’
Segundo a súa web, o Camiño Xacobeo pasa por El Cebrero, Palas de Rey, Mellid, e ‘el Monte del Gozo’. Ademais, tamén lembran o antigo costume de seguir a peregrinaxe ata Finisterre. Por se non chegaba coa castelanización de nomes, a redacción dos textos deixa moitos que desexar, sobre todo, tratándose do Instituto Cervantes. Ademais, inclúe faltas de ortografía, como o da praz do ‘Obradorio’.
Pola súa banda, o Arcebispado de Santiago tamén ofrece outra serie de topónimos deturpados no apartado da súa páxina en Internet adicada aos peregrinos. Así, no portal indican que a Vía da Prata comeza “en Galicia por la provincia de Orense”, mentres que o Camiño Portugués “entra por Tuy”. Ademais, inclúe un mapa que indica que a roteiro pasa por Cebrero.
Así mesmo, a web Red.es, entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Industria, tamén inclúe unha longa serie de topónimos castelanizados. Deste xeito, a Ruta pasa por lugares como San Gil, Granja de Barreiros, Ayán, Palas do Rey ou San Julián del Camino.
Fronte a a estas numerosas deturpacións dos nomes das aldeas, vilas e parroquias galegas, contrasta a web da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, organismo público dependente da Xunta de Galicia encargado de preparar o Xubileo. Nesta páxina os topónimos non son El Cebrero ni Mellid, senón O Cebreiro, Melide, Palas de Rei ou Fisterra.
Como nota curiosa, chama a atención que aínda que o novo Goberno do PP xa chambiou o logotipo –mudaron a frecha amarela polo deseño das catro vieiras acompañado da frase ‘Xacobeo 2010. Galicia’– aínda continúa na web o topónimo ‘Galiza’, que tanto rexeitaron os populares cando gobernaba o bipartito e era empregado polo altos cargos e deputados nacionalistas.
Por outra banda, outras páxinas de institucións da comunidade autónoma, como Turgalicia e outros departamentos da Xunta tamén respectan os topónimos, ao igual que o concello de Santiago e outros municipios por onde transcorre o Camiño, o que contrasta coas 'versións' de Red.es ou o Cervantes.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario