Os feitos foron denunciados inicialmente pero a denuncia foi “misteriosamente” retirada
ADEGA denuncia a unha cuadrilla de cazadores por batidas non autorizadas no refuxio de fauna do TECOR de Melide
ADEGA interpuxo hoxe denuncia ante o SEPRONA (Servicio de Protección da Natureza da Garda Civil) ante a suposta intención de arquivar unha denuncia por unha batida ilegal de xabarín levada a cabo en xaneiro por unha cuadrilla de cazadores
A cuadrilla foi sorprendida por veciños da zona cazando ilegalmente dentro da zona acotada como Refuxio de Fauna polo TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado de Melide) por veciños da zona o que ocasionou diversas denuncias de cazadores e veciños contra estes furtivos, que abateron 2 femias de xabarín na única zona do TECOR onde non se pode cazar.
A existencia dos refuxios de fauna dentro de cada TECOR é servir de refuxio para a posterior repoboación do espazo. Os refuxios de fauna son unha figura vital para unha xestión cinexética sustentábel e ADEGA non vai tolerar que estes furtivos (pois ese é o cualificativo que merecen estes desalmados) queden sen sanción pola falta de interese dalgúns.
Deste xeito ADEGA interpuxo denuncia ante o SEPRONA para que investigue os feitos e averigue porqué non se puxo ningunha sanción aos furtivos, cando existe un informe elaborado pola Garda Civil de Boimorto onde se constatan os feitos con todo detalle e no que se pon de manifesto a flagrante infracción cometida.
É absolutamente necesario que os infractores da Lei de Caza 4/1997, que ante todo é unha lei e por tanto, de obrigado cumprimento para todos/as, sexan sancionados para que dunha vez por todas a caza deixe de seu unha actividade “paralegal”. ADEGA confía plenamente nos membros do SEPRONA que sempre trataron con interese e eficacia as infraccións as leis de carácter ambiental: por tanto, non hai razón para que agora se mire para outro lado.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario