ALLARIZ

parroquias de melide

MÁIS PARROQUIAS

/504403158292525912/bb_t047_v000_s0un_f00/images/xslide2.gif" ismap="ismap"/>

GALIZA-CAMERÚN:A IRMANDIÑA INVICTA

duascentas fotos

CAMIÑANDO EN MELIDE

VIAXE A USA

HOLANDA

miércoles, 25 de noviembre de 2009

Canto aprendemos coa TVG

Por Pilar Garcia Negro

Nunca agradecidos abondo estaremos á TVG e á súa impagábel programación, sobre todo no capítulo dos programas de debate, perdón, do programa de debate. Hai poucos días cadroume velo na noite do luns e moito me valeu para me instruír debidamente en diversos asuntos. Vounos enumerar, para que non me esqueza nengún:

1. En primeiro lugar, tratouse o tema do post-Alakrana, a cargo de Xosé Luís Barreiro, Roberto Blanco Valdés, Antón Losada e José Luis Jiménez. Aprendín que, a pesar de sermos, os galegos, aproximadamente dous millóns oitocentos mil habitantes, non hai, entre eles, nengunha muller que poda opinar sobre a tan traída e levada “xestión” do secuestro ou sobre as medidas para os evitar no futuro. Non, señor: os asuntos serios sonlles cousa de homes, como o coñac Veterano de outrora.

2. Pasamos ao segundo asunto, que ocupou moito tempo do programa. Nada menos que o nacionalismo galego na encrucillada. Como me resulta algo familiar o tema, prestei toda a atención. O plantel de comentaristas antecitado incrementouse coa presenza de Marta Rodríguez, directora de informativos de Onda Cero e mais con Paulo Casal, experto en marketing político. Sendo, dos anteriores, dous deles comentaristas de La Voz de Galicia, un outro da cadea Ser e o cuarto de ABC, xa me satisfixen grandemente coa hiper-pluralidade despregada. Como se ve, todos eles son expertos no nacionalismo galego, quer no histórico, quer no actual, sexa porque o coñecen extraordinariamente ben por dentro, sexa porque fixeron traballos académicos sobre o mesmo ou porque amosan unha curiosidade intelectual irrefreábel sobre o estudo das súas características e a súa especificidade, que, coido, algo a ver ten coa historia da propria Galiza. Mais, con este programa e a súa neutralidade palmaria, xa resolvín moitas dúbidas. Por exemplo:

–O BNG só subiu pola crise do PSOE, non en por si.

–Non houbo unha organización que loitase por crecer, senón que só se ollou a si mesma.

–O BNG nunca lle di á “sociedade civil” (a “militar”, ula?) o que quer facer.

–Non se sabe se é máis nacionalista ou máis de esquerdas (ten de escoller entre nacionalismo e marxismo-leninismo).

–O problema está en que ao BNG non lle gosta o país tal e como é hoxe.

–E chegamos, señoras e señores, á solución fundamental, realmente á solución do ponto final. Atención! Redobre de tambores e timbais!, máxima expectación!, novidade total!: a solución está en “librarse de la UPG” (José Luis Jiménez dixit).

E ben, despois de ficar embargada (e ben embargada) pola emoción, e de agradecer ao ceo e ás benévolas autoridades que nos dirixen e, desde logo, aos responsábeis da TVG que, á maneira do despotismo ilustrado, curen as nosas ignorancias e nos oferezan leccións catárticas como a que comentamos, dei en tranquilizar o espírito e procesar –como está de moda dicer agora– tanta información, tantos consellos, tantas instrucións e tanta pontificación. E aí surxiron algunhas dúbidas, pouca cousa, matices, nada de importancia, de certo debidas ao facto de ser militante nacionalista desde hai 33 anos e ter sido 14 deputada do Parlamento galego. Nada que non se poda curar e que non permita atender debidamente as leccións televisivas de tan sabios expertos. Como o máis se quer é o que máis se coñece, pola mesma é o que máis se desexa mellorar, así que o realismo analítico e a (auto)crítica nunca sobran, como si sobra a rancia exhibición dos máis resesos preconceitos que nos coubo ouvir. Mais disto falaremos nunha próxima entrega, contándomos coa benevolencia deste xornal e dos seus leitores.

Ah!, o terceiro asunto foi tamén moderno a máis non poder: as cuotas femininas na política, con dúas opinantes en sentido contrario, porque, xa se sabe que, este si, é un tema só feminino. Disto tamén falaremos no futuro. l

martes, 17 de noviembre de 2009

Un xulgado de Madrid nega a unha nai retornar a Vigo coas súas fillas porque "o ensino é en galego"

O portavoz do BNG en materia de Lingua, Bieito Lobeira, e o irmán e portavoz da familia afectada, Manuel López Rodríguez, denunciaron esta mañá en rolda de prensa que un xulgado de Madrid ameaza a unha nai galega con retirarlle a custodia das súas fillas por trasladarse de Alcorcón a Vigo, debido a que “o ensino é en galego e esta lingua non é útil”.

En concreto, o auto do xulgado de Alcorcón négalle á nai que se traslade a Vigo debido ao perigo de “desarraigo que se extiende a su ámbito escolar, pues las menores han estado escolarizadas desde hace muchos años en el Colegio Amanecer, de Alcorcón, para ahora verse escolarizadas en Centros Públicos, en Vigo, con inmersión en un sistema escolar en lengua gallega, una lengua distinta a la que han sido escolarizadas hasta ahora, que más allá del ámbito de aquella Comunidad Autónoma, no se aprecia tenga ninguna otra utilidad práctica”.

O irmán da nai e portavoz da familia, Manuel López Rodríguez denunciou “o calvario o que se nos está sometendo, cunha evidente inxustiza por querer vivir en Galiza”.

Manuel Rodríguez criticou os prexuízos do xuíz de Alcorcón e salientou que “as nenas están perfectamente integradas en Vigo e son felices”. Respecto á lingua galega, subliñou “que para nada tiveron ningún problema: desde pequenas escoitano na familia e enténdeno; a maior pódese acoller á exención de galego na selectividade e a pequena quitou en galego unha nota de 8,5, gústalle e mesmo empeza a falalo”.

Por iso, pediulle a todas as forzas políticas galegas é a Xunta de Galiza para que apoien a súa causa e, no caso da administración galega, “emita informes para que se teña en conta a opinión das rapazas, que viven felices e perfectamente integras en Vigo”.

Perigo de que se sente xurisprudencia para discriminar ás persoas que viven en Galiza, Cataluña ou o País Basco

Pola súa parte, o deputado do BNG asegurou que “do punto de vista democrático e humano non se pode admitir que un xuíz lle denegue a unha nai separada que veña a vivir a Galiza polo feito de que teñamos lingua propia”.

Ademais, advertiu de que “argumentos como o deste xulgado de Alcorcón poden sentar xurisprudencia no futuro e calquera pai ou nai separado de Galiza, Cataluña ou Euscadi que viva en Madrid ou noutra Comunidade castelánfalante e queira voltar á súa terra perderá a custodia dos seus fillos”.

Lobeira alertou de que “se están vulnerando os deiros inalienábeis das persoas que falan galego” e por iso anunciou que o BNG trasladará no mes de xaneiro a institucións internacionais “casos concretos de persoas que ven conculcados os seus dereitos lingüísticos, como traballadoras e traballadoras despedidos por falaren galego”.

Ante esta situación, e no caso concreto da nai de Vigo, o deputado nacionalista presentou unha proposición non de lei no Parlamento Galego pola que se insta á Xunta de Galiza a “adoptar as medidas precisas, ao amparo da legalidade vixente, e no ámbito das súas competencias, nomeadamente a través das Consellarías de Traballo e Benestar, e Educación e Ordenación Universitaria, para evitar un caso flagrante de discriminación por razón de lingua, de pertenza e residencia na Galiza, que está a padecer unha familia de Vigo”.