ALLARIZ

parroquias de melide

MÁIS PARROQUIAS

/504403158292525912/bb_t047_v000_s0un_f00/images/xslide2.gif" ismap="ismap"/>

GALIZA-CAMERÚN:A IRMANDIÑA INVICTA

duascentas fotos

CAMIÑANDO EN MELIDE

VIAXE A USA

HOLANDA

lunes, 26 de mayo de 2008

gracias xulio pola nova:

X. M.Beiras: "O AVE pode converterse na escusa para non modernizar o ferrocarril galego"
Advirte de que a alta velocidade "nin resolve a conexión externa para o tráfico de mercadorías nin as necesidades de vertebración co interior do país". Lembra que a Cámara do Hórreo elaborou en 1995 un documento para a modernización da rede que quedou no esquecementoE. B. Pór de manifesto o desmembramento territorial de Galicia como consecuencia dunhas infraestruturas do transporte deficientes. A organización ecoloxista Adega desenvolve esta fin de semana en Lugo as xornadas Estruturación do Territorio. Pola comunicación de Galiza alén das fronteiras. Por uns camiños de ferro galegos. O ex portavoz nacional do BNG e catedrático de Economía da USC, Xosé Manuel Beiras, foi onte o encargado de abrir o fogo cunha conferencia sobre as consecuencias económicas das infraestruturas de transporte no país.
Na semente deste ciclo de conferencias vólvese denunciar a chamada Galicia das dúas velocidades, ¿unha realidade despois de tantos anos? Si, porque o modelo territorial de Galiza é un caos, o modelo económico capitalista ségueo a ser, é o mercado o que o segue a dominar todo e despois de anos de autonomía non hai nin sequera un modelo de ordenación territorial nin unha estratexia de condución do desenvolvemento económico para que se contrarresten as tendencias. Máis ao contrario, a dinámica económica agrava os desequilibrios entre o que chamamos o eixo atlántico e o interior. Por conseguinte, a dinámica económica en vez de solucionar os problemas, o que fai é agravar os desequilibrios que históricamente existiron entre esas dúas franxas, o que se ve en todos os aspectos da realidade galega.
Desde o bipartito, fálase de inverter este modelo cara a outro baseado na innovación, a sostibilidade e o territorio. ¿Avanzouse algo? Non hai síntomas. A innovación en si mesma non produce ningún vector de equilibrio territorial. A mellora das relacións entre territorios só ven da man dunha política específica, no eido territorial, e o único percibido é a nova maneira de organizar o solo industrial. Se miramos a rede ferroviaria galega, sobre todo a do interior, vemos que non houbo ningún cambio substantivo que supuxera unha mellora das necesidades de vertebración do país. Non existe plan para o ferrocarril interno que segue a ter a mesma estrutura fronte ás melloras na rede viaria de estradas. Hai que lembrar que en 1995, unha comisión no Parlamento galego creou un documento para a modernización da rede ferroviaria galega co obxectivo de que o Estado o tivera en conta no desenvolvemento do Plan director de infraestruturas. A Xunta de Manuel Fraga era a encargada de defendelo en Madrid pero coincidiu coa chegada ao Goberno do Estado do señor Aznar, e a Xunta non fixo nada e Fraga non fixo nada. O BNG acababa de ter representación no Congreso e volveu levar ese ditame ao Parlamento e os mesmos deputados que en Galicia o apoiaran foron os que despois o rexeitaron en Madrid. Ese plan, que comprendía ata o 2007, se se levase a cabo, hoxe a estrutura ferroviaria en Galicia sería outra.
¿Que suporá a chegada do AVE, que é do único que se fala agora en materia ferroviaria? En primeiro lugar, a alta velocidade é para longas distancias para transporte de viaxeiros, en principio para unha clientela de alto poder adquisitivo. Polo tanto nin resolve a conexión externa para o transporte de mercadorías nin moito menos as necesidades de vertebración co interior. O AVE incluso pode dar lugar a que se pense que o problema ferroviario galego quede resolto e os trens convencionais sigan a circular a 40 quilómetros de velocidade de media. Pode converterse nunha forza para non modernizar o ferrocarril galego. Habería que remudar o sistema de conexión entre os portos, moi necesario dado o lugar que ocupa Galiza. Estamos a ver que as mercadorías van por estradas, en camións en lugar de ir por mar. Sería precisa tamén unha rede ferroviaria ben tramada para descargar o peso das estradas. Pero disto non hai nada.
A inexistencia desta rede interna choca coa dispersión poboacional de Galicia... Estou farto de que se vexa a dispersión poboacional como algo negativo. A fisionomía de Galiza é máis semellante ao ámbito europeo, onde tivo lugar a revolución industrial, que á da Europa mediterránea. O problema non é a dispersión. Galiza, que no século XVIII tiña maior densidade poboacional que o resto do Estado, viuse marxinada polo poder centrípeto e hoxe perdeu densidade. O problema non é a nosa fisionomía, senón que esa se vexa ameazada pola dinámica do poder político que fixo que o interior galego fose danado ano a ano acompañado por unha inexistencia absoluta de plans para o seu desenvolvemento e o das súas comunicacións. A morte planificada do rural. Hoxe moita xente podería traballar en calquera lugar urbano vivindo fóra das cidades pero non existen corredores como os chamados de proximidades.
¿E por que non se fai? Tería que depender dunha estratexia do poder político xa que o económico non o fai. Pero isto non se deu nunca para Galiza que segue a ser unha especie de sucursal do centro. Porque o país non é o que decide a planificación, o modelo, son outros os que o fan por nós. O nacionalismo estancouse a finais do século pasado, coma quen di, o gran motor da concepción galega para Galicia está a perder a forza que tiña antes e seguimos en mans de intereses alleos aos nosos. É certo que agora está en posición de Goberno, pero a súa é a posición non hexemónica.
O FEVE da Mariña segue a ser o mesmo que no seu nacemento, non mudou nada... Ese é o exemplo de que a rede ferroviaria estatal é unicamente radial limitando o desenvolvemento transversal. Nos anos sesenta, a forza industrial desde Ferrol ata o País Vasco estaba comunicada por estrada fundamentalmente. Non conviña desenvolver unha liña de ferro precisamente para evitar que a relación industrial entre as comunidades cantábricas, desde Galicia ao País Vasco tivese que pasar obrigatoriamente por Madrid. O importante era evitar ese bypass que mudaría o centro de gravidade. O FEVE nin sequera tiña os enlaces con Asturias ou Cantabria. Por suposto, no plan de 1995 estaba recollido un apartado para a súa modernización. Pasaron os anos e non hai nada feito. É un problema de decisión política en dirección contraria ao que lle interesa a este país.
Crise ambiental e enerxética pero as estradas multiplícanse e o tren retrocede. ¿Por que? Acaba de inaugurarse unha autovía Santiago-Brión. Sería moito máis proveitoso e económico unha rede de proximidades. Moita xente prefiriría o coche para seguir co costume polo que habería que puxar por un cambio cultural que debe vir apoiado polo poder político. Namentres seguimos a falar da contaminación e do cambio climático sen que se dean pasos serios para evitalo. Pero ben son as compañías contaminates as que fan os anuncios verdes.

martes, 20 de mayo de 2008

Email do BNG

Sistema de financiamento autonómico: mito e realidade

O debate sobre o sistema de financiamento autonómico é vital para entendermos o papel de Galiza no Estado español. Como nacionalistas, interésanos enormemente que se esclarezan os fluxos fiscais entre Galiza e o Estado. Non só non lle debemos ter medo nengún a esta cuestión, senón que a debemos suscitar abertamente. O nacionalismo tivo claro desde sempre –eis os traballos de Alexandre Bóveda durante a II República- que a fiscalidade era unha arma en mans do Estado para incrementar o noso grao de dependencia e furtar así toda posibilidade dun desenvolvimento autocentrado de Galiza.O primeiro que temos é coñecer a realidade.
Os proprios datos oficiais (os últimos disponíbeis refírense ao exercicio fiscal 2005) desminten o falso mito da solidariedade estatal con Galiza. Non hai tal solidariedade. Galiza non vive de transferencias vindas nen de Madrid nen de nengunha comunidade autónoma. Galiza vive dos seus propios recursos.Vexámolo. En 2005 os galegos e as galegas pagamos impostos por un valor aproximado de 10.396 millóns de euros. Pois ben, os recursos totais que o sistema de financiamento do Estado outorgou ese ano á Administración autonómica –para financiar todas as competencias da Xunta- apenas chegaron a 6.839 millóns de euros (procedentes por suposto, deses 10.396 millóns). Isto é, estaríamos ante un superávit a favor de Galiza de 3.556 millóns de euros, cos que o Estado pode financiar sen problemas os servizos que presta en Galiza
A falacia da solidariedade estatal constrúese sobre a seguinte base: o que di ser o Estado máis descentralizado do mundo só descentraliza o gasto, non o ingreso. É a Facenda estatal quen recada a parte do león dos impostos. Así pode aparecer logo como benefactora das comunidades autónomas, ás que financiaría aparencialmente através do Fundo de Suficiencia. Trátase, por suposto, dunha inversión da realidade: son as comunidades autónomas, entre elas Galiza, as que financian o Estado e non o revés.
Precisamos un outro sistema de financiamento. Precisamos unha Axencia Tributaria Propia. E unha suficiencia financeira que incremente os recursos totais que o sistema pon en mans de Galiza. Para iso é fundamental o diálogo bilateral co Estado e non un modelo multilateral que trate igual a realidades distintas. Non por capricho defende o BNG unha negociación bilateral: deféndea porque o modelo actual, o multilateral, non ten servido para que Galiza puidese atender debidamente as súas necesidades de gasto público.A nós non nos vale a xeneralización de nengunha cesta de tributos, nen a catalá nen a madrileña. Úrxenos fixar as nosas proprias percentaxes de cesión sobre o IRPF, o IVE e os impostos especiais.
A igualdade que preconiza o españolismo non debe ser a igualdade do ponto de partida –as mesmas porcentaxes para todos-, senón a igualdade do punto de chegada –o mesmo grao de suficiencia financeira.En todo caso, o noso modelo final sería que Galiza recadase todos os impostos e transferise parte da recadación ao Estado para pagar os servizos (as competencias) que este nos presta.
O que está en xogo neste debate é a eficacia do autogoberno para os próximos anos ou, o que o mesmo, as posibilidades de incrementar o benestar dos galegos e das galegas e de atender as súas demandas desde o Goberno nacional.

que bo


Gaspar Méndez

A demanda do galego

Nos últimos anos, a empresa para a que traballo vén incorporando o galego de maneira paulatina nos seus procesos, sobre todo nos contratos. Tamén o portal dos empregados ten versión galega, e podemos navegar en galego na procura de información.
Certo día navegabamos o meu xefe e máis eu, cada un a un lado do fío telefónico, na procura da mesma información. Seguindo a mesma ruta el atopaba e eu non. A única difereza era que el navegaba en castelán e eu en galego. A partires de ese día navego en castelán.Tamén, polo meu traballo, adoito chamar a Unión Fenosa e Telefónica. Unión Fenosa, que presume de galeguidade cando lle convén, só contesta en castelán. Telefónica dá as dúas posibilidades. Pero "se vostede desexa ser atendido en galego" pode pasar media hora agardando a que lle collan, se non se corta antes. Eu sempre "deseo ser atendido en castellano".
O meu ordenador portátil leva de serie o Windows XP, ao que eu lle engadín a interface en galego e, polo de agora non me consta ter problemas. O Ministerio de Economía e Facenda dá a opción de presentar as declaracións do IRPF en calquera das linguas oficiais, e eu presumo de presentar a miña, en Castela e León, en galego un ano tras outro.
Este ano descarguei o programa de axuda, coma sempre, e dábame un erro: “descargue ADO”. Miro na web da AEAT e descargo os arquivos precisos para o meu sistema operativo, e nada. Segue a dar o erro. Despois dunhos días de volverme tolo, chamo ó servizo de axuda e, despois de darlle voltas, chegamos á conclusión de que eu teño, nas opcións rexionais do meu sistema operativo,o idioma galego, e non pode ser. Para que o programa funcione teño que ter “Español España”. Sáeme a devolver e fanme falta os cartos, así que “para que lle imos dar máis voltas”. Mundo ao revésNon hai problema, porque neste mundo ao revés onde os monolingües que procuran que todos o sexamos chamanse “Galicia bilingüe”,e os que demandamos servizos na nosa lingua, que somos os verdadeiramente bilingües, aínda que prefiramos o galego, acabamos utilizando os servizos na lingua que menos traumas nos cause.
Entón, hannos de dicir todas esas compañías que tanto se esforzan en ofrecer servizos na nosa lingua: ¿Para que ofrecelos se ninguén os demanda?. Non merece a pena gastar os cartos en aplicacións en galego que non teñen demanda.Ou se vixía que os servizos que se nos ofrecen en galego sexan da mesma calidade que os que se ofrecen en castelán, ou senón todos estos intentos por defender o noso dereito a vivir en galego serán contraproducentes.

carta de Farruco Graña

Paisaxe da lingua

Prezado Antón:Recollido ao carón do lume dunha vella lareira, e meditando sobre a desfeita urbanística sufrida polo país, decateime da súa relación co tratamento da lingua: a degradación da paisaxe e o desleixo no deseño das nosas vilas e cidades foron a par co descoido e abandono da nosa fala.
Alí onde había pedra puxemos cemento á vista. Onde as alturas respectaban a harmonía inzamos bloques de formigón feitos á présa e sen criterio. Se había unha ría con abundantes recursos naturais e paisaxísticos cubrímola de malos fumes e noxentos olores que van e veñen ao antollo dos ventos.Tamén alí onde falabamos de coitelos puxemos “cuchillos” e dabamos os “buenos días”; e onde ofreciamos unha cadeira para sentaren os convidados pasamos a empregar “sillas” para “sentarse”. E non foramos por elas ao sobrado, senón que “habíamos traído unas do piso”. Pouco a pouco, igual que o cemento gris e descontextualizado foi facéndose co contorno urbano e paisaxístico tamén un feixe de palabras, xiros lingüísticos e entoación alleas fóronse apropiando da nosa lingua. O uso abusivo do pronome enclítico antes do verbo ven ser algo así como o ladrillo á vista. Que haxa políticos, xentes da cultura, do mundo da empresa, en fin, persoas de relevancia social que estraguen a paisaxe da nosa sintaxe, da nosa fonética, do noso riquísimo vocabulario, non ten perdón. Oxalá a súa preocupación pola estética urbana derive tamén en preocupación polo uso coidado da nosa lingua.
Sabes ben, amigo Antón, que non sinto ningún receo, máis ben simpatía, cara á xente que comeza a falar en galego; aínda que se lle note a falta de soltura. Non hai que ser especialista para pórse a falar o noso idioma. Non é iso! Eu mesmo, lembra os nosos anos de instituto, sumeime ao carro do galego sendo un mociño. Ao principio, dábame reparo, algo de vergoña. O dos pronomes resultábame complicado; para o do vocabulario aproveitei o esforzo en Lingua Galega. A maneira de dicir as cousas foi cuestión de tempo, oído, atención e intención. Desde aquela sempre escoitei á miña avoa doutro xeito... ata que nos deixou. Pero, sabes?, fervíame o sangue cada vez que un veciño se metía comigo dicíndome aquilo de que "na Coruña, así, non te van escoitar!". (Que sabería el da Coruña, paspán do carallo!)
Doeume moito, a principios dos noventa, ver como un mozo de Corme foi eliminado nunhas probas selectivas para un posto de xornalista na TVG porque "tiña moito acento" e, para os examinadores, o periodismo era algo moi serio. Mesmo lle recomendaron presentarse ao castin de Mareas Vivas, que probabelmente alí tería éxito. Por suposto, todo iso cun adobío de pronomes mal colocados, reflexivos inexistentes, algún que outro tempo composto e, iso si, unha voz grave moi aséptica e de imposíbel identificación fonética.
Agora que tes responsabilidades políticas, amigo Antón, quero animarte a ti e a todos os teus compañeiros a que poñades tanto empeño no coidado da nosa paisaxe e das nosas vilas como no da nosa lingua. Tan importante é o patrimonio material como o inmaterial. E a mellor maneira de emprender ese labor é comezardes vós mesmos dando exemplo. Esforzádevos día a día na dignificación do seu uso. Que se note que vos doe. Hai moita ilusión posta no recambio vivido polo país. Non o defraudedes.Despídese cunha aperta o teu amigo que o será sempre e que sempre che agradecerá o térelo animado a falar en galego.

frente polisario


A Fronte Polisario cumpre 35 anos de loita contra a ocupación
O 20 de maio de 1973 efectuou a súa primeira acción armada contra un destacamento militar español de Janguet Quesat.
En 1976, a Polisario proclamou a RASD
A Fronte Polisario celebra este martes na localidade de Tifariti -zona do Sáhara Occidental baixo o seu control- 35 anos de resistencia e loita contra a ocupación estranxeira do Sáhara Occidental.O programa de actos inclúe exposicións sobre as tradicións saharauís, exhibicións musicais e folclóricas, un desfile militar e un acto oficial coa intervención do presidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Mohamed Abdelaziz. Arredor de 300 invitados de organizacións institucionais e non gobernamentais procedentes de Europa, África e Latinoamérica estarán presentes en Tifariti, localidade situada a máis de 400 quilómetros dos campos de refuxiados saharauís de Tinduf (Alxeria) e a perto de 60 do muro construído por Marrocos.

A Fronte Polisario creouse o 10 de maio de 1973 por un grupo de estudantes nacionalistas. A súa primeira acción armada efectuouse o 20 de maio dese ano, cando un grupo de sete guerrilleiros atacou o destacamento militar español de Janguet Quesat. Crise humanitaria En febreiro de 1976 o movemento independentista proclamou o nacemento da RASD. Tras 16 anos de guerra, en 1991, saharauís e marroquís asinaron en Houston (EUA) un cesamento do fogo. Ademais, acordaron realizar un referendo de autodeterminación, algo ao que Marrocos posteriormente se opuxo. Dende entón, o número de presos políticos así como o de refuxiados segue a medrar e a súa situación a empeorar. A pasada semana, diferentes asociacións humanitarias volveron alertar da catástrofe humanitaria que ameaza os 158.000 saharauís desprazados, especialmente os cativos.

domingo, 4 de mayo de 2008

NORABOA CAMPIÓNS











AVOGAMOS

O Colexio de Avogados de Santiago pide esforzos a prol da lingua na xustiza
Nun comunicado, o colectivo profesional tamén se solidariza coa maxistrada Ana-López Suevos.

A Xunta de Goberno do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela aprobou o pasado martes un comunicado a prol da normalización da nosa lingua que agora se fai público. Ofrecémoslle o acordo íntegro:“En relación coa polémica suscitada nas últimas semanas polo uso do galego nos tribunais de xustiza e facendo propias as declaracións emitidas no seu día polo conxunto da avogacía compostelá, esta Xunta de Goberno quere recordar que:

Avogamos polo dereito a usar a lingua propia de Galicia na vida pública e privada.

Avogamos por unir esforzos con todos os operadores xurídicos que actúan no ámbito da xustiza co fin de acadar a normalización efectiva da nosa lingua.

Avogamos por eliminar todos os obstáculos que impiden o uso libre do galego no exercicio profesional e rexeitamos expresa e rotundamente toda actividade ou actitude que trate de utilizar este dereito como arma xurídica.

Avogamos por contribuír ao prestixio e ao enriquecemento do galego xurídico asumindo de noso este reto.Así mesmo, ofrecemos o noso apoio e solidariedade a todos aqueles operadores xurídicos que vexan menoscabados os anteriores propósitos. Neste senso, consideramos especialmente correcta a actuación da maxistrada D.ª Ana López-Suevos Fraguela e solicitamos unha condena rotunda contra todos aqueles que pretendan alterar os obxectivos enunciados.”