ALLARIZ

parroquias de melide

MÁIS PARROQUIAS

/504403158292525912/bb_t047_v000_s0un_f00/images/xslide2.gif" ismap="ismap"/>

GALIZA-CAMERÚN:A IRMANDIÑA INVICTA

duascentas fotos

CAMIÑANDO EN MELIDE

VIAXE A USA

HOLANDA

martes, 18 de noviembre de 2008

A débeda pendente con Jenaro Marinhas



O dramaturgo, figura clave no teatro galego do século XX, foi apartado do centro do sistema pola súa militancia política e lingüística.

Modernidade, humildade, honestidade. Estas tres palabras poden servirnos para comezar a explicar quen foi Jenaro Marinhas del Valle, figura clave no teatro galego do século XX, e malia a todo, descoñecido pola maioría da poboación, e conscientemente ignorado polas institucións durante anos, desprazado á periferia da cultura galega, un esquecemento que, denuncian os seus defensores, continúa na actualidade.Durante todo o mes de novembro celébranse na Coruña unha serie de conferencias, debates e homenaxes co gallo do centenario do nacemento do autor, o 25 de novembro de 1908. Os actos, organizados pola concellaria de Cultura, a Universidade e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, comezaron o día 11, cunha mesa redonda e senllos relatorios a cargo de Henrique Rabunhal e Lino Braxe. O venres 21 a Casa Museo de Casares Quiroga acollerá a segunda das xornadas de estudo sobre Marinhas, na que se analizará 'O feminino e o protesto na obra de teatro Ramo Cativo' (Kathleen March e Tareixa Campo), se celebrará unha mesa redonda coa intervención de Laura Tato, Cilha Lourenço e Carlos Viscainho e se representará, xa no Teatro Rosalía, a obra A Velada.Pola súa banda, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) organizará un congreso sobre a figura e a obra de Marinhas os días 26, 27 e 28 de Febreiro de 2009. Así mesmo, publicará unha reedición de A Vida Escura e mais un volume no que se incluirá unha escola de textos que o autor escribiu na revista Agália.

Unha vida de compromiso:

Jenaro Marinhas contactou coa intelectualidade galeguista da Coruña sendo moi novo, a través das faladoiros aos que acudía o seu pai, relacionado co grupo da Cova Céltiga. Frecuentou así mesmo as Irmandades da Fala e en 1933 foi cofundador da Mocedade Galeguista da Coruña, da que chegou a ser secretario xeral. Despois da guerra participou nas primeiras reunións de galeguistas, xa dende 1943 e participou na fundación de Galaxia e de Grial. Foi en Grial onde publicou, ao longo da ditadura, as súas primeiras obras de teatro, como A Serpe, Pequena farsa dos amores desencontrados, Loucura e morte de Peregrino, Os Ausentes, O bosque, No palleiro ou Monifates. En 1965 A Revolta e outras farsas obtivo o premio Castelao de teatro galego convocado por O Galo.En 1978 ingresou na Real Academia Galega, cun discurso titulado A importancia do público na revelación teatral, publicado por O Castro en 1979, en opinión de Rabunhal "un dos textos teóricos máis importantes do teatro galego". Naquela altura Manuel Lourenzo e Pillado Mayor destacaban en O teatro galego que na produción teatral de Marinhas impoñíase "unha liña de esixencias que atinxe a situar as súas obras na revolta ideolóxica e estética do teatro contemporáneo". E un ano máis tarde salientaban que nos seus textos "bule unha preocupación humanística que ás veces se reviste de latexo existencial e ás veces de farsa simbólica, máis sempre dentro dun ton poético, quer de raíz esperpéntica, quer dun calculado estatismo verbal". En 1981 publicou Acurrados e en 1990 Ramo Cativo, outra das súas obras máis destacadas.En outubro de 1981 nace a Associaçom Galega da Língua, e Jenaro Marinhas foi escollido como Membro de Honra. En 1990, xusto despois da morte de Carvalho Calero, Marinhas renunciou ao seu posto na RAG: "Quebrado agora, bem dolorosamente para mim, esse fio que à Academia me prendia, deixo vacante um sitial que nunca ocupei gostoso e admito que sem merecimentos. Vou-me amigo dos amigos mas nom podo continuar companheiro polos caminhos que levades. Está certo que nom imos para a mesma romaria". Marinhas ocupou lugares de centralidade no campo literario galego durante o franquismo e os primeiros anos da restauración democrática. Porén, dende mediados dos oitenta e sobre todo dende que renunciou ao seu posto na Real Academia, foi desprazado a un lugar periférico.En 1998 a AS-PG e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizaron na Coruña unha homenaxe a Marinhas, que xa tiña evidentes problemas de saúde e finou un ano despois. No seu discurso Pilar García Negro afirmou: "Reclamamos para el o mérito de ser un dos máis modernos, renovadores e intelixentes autores do teatro galego contemporáneo, cunha obra escrita, por certo, en tempos ben duros e crueis para coa existéncia do próprio país (...) Moitas grácias por nos acompañar e nos alentar neste camiño que ti, e outros coma ti, comezastes. Procuraremos non desandarmos nunca, non defraudarmos tanta esperanza como a que este país merece".

Os motivos da súa exclusión:

Jenaro Marinhas deixou escrito que "os galegos nom devemos considerar o idioma português como algo que nom nos pertença em grandíssima parte desde que contribuímos à sua formaçom em igual medida os do Minho para Norte que os do Minho para Sul e isto deve ser motivo de orgulho nacional". E era perfectamente consciente de que por adoptar publicamente esta posición a súa valiosa obra ficaba condenada a unha certa 'periferia', ou ás veces quedaba directamente no esquecemento, por apatía, desleixo ou pura ignorancia: "nom se me oculta que aderir ao reintegracionismo contribui a encontrar-se com muitas portas fechadas, mas nom tenciono aldrabar a nengumha". Marinhas denunciaba con fervor que "a lusofobia revela umha imaturidade galeguista: o galego plenamente formado nom pode ver em Portugal e no português algo estranho, mas a prolongaçom de si mesmo: a Galiza botada a andar".Para Fernán-Vello, a militancia reintegracionista de Marinhas, o mesmo que o seu posicionamento político, nidiamente de esquerdas e nacionalista, é "fundamental" para entender o seu esquecemento. "Supón unha gravísima irresponsabilidade que sectores moi importantes da cultura galega lle desen as costas por ese motivo. O que me parece máis grave é que ese descoñecemento, esa desmemoria inaceptábel se manteña na cultura galega oficial. Segue a pasar o mesmo: non hai moito, falando con Miguel Martín, xerente do IGAEM e agora do Agadic, dicíame que non coñecía a Jenaro Marinhas, e que non tiña intención de publicar o seu teatro completo", denuncia o poeta e editor.

No hay comentarios: