PARDO DE CELA:
17 de Decembro de 1483. Hai hoxe, exactamente, 524 anos. Na Praza Maior de Mondoñedo era executado polas tropas castelás baixo mando do capitán Luis de Mudarra, o mariscal Pero Pardo de Cela, símbolo da rebeldía galega face á política asimilista de Castela e dos Reis Católicos sobre Galiza. Xunto a el, eran tamén executados os seus guerreiros máis leais: Pero de Miranda Saavedra e Castro (seu propio fillo), García Rodrígues, e Bartolomé de Baamonde.Tráxico final, que ten a súa explicación máis imediata na Real Cédula asinada en Toledo polos Reis Católicos o 3 de Agosto de 1480, pola que envía a Galiza a Fernando de Acuña como Xusticieiro Maior, o licenciado Garci López de Chinchilla como Alcalde Maior, e Luis de Mudarra como capitán dun continxente militar castelán de varios centos de xinetes e dun número indeterminado de guerreiros de infantaría a pé. O obxectivo político-militar, eliminar por calquera método calquera caste de oposición na Galiza ao proxecto imperialista impulsado polos Reis Católicos, que daría pé ao nascimento do Estado español.Previamente, outra Real Cédula (18 de Febreiro de 1478) instaura a “Santa Hermandad” na Galiza como auténtica policía política ao servizo de Castela. Dirixe este corpo Antonio de Paz e o licenciado Fernando Gómez de Tordehumos. O descontento social xerado pola violencia, a crueldade e os castigos infrinxidos pola Santa Hermandad está documentado. Entre outras razóns, pola implantación de duros impostos (18.000 maravedís por cada cen veciños) para manter economicamente o propio corpo represivo. O historiador aragonés Zurita descrebe o despregue da Santa Hermandad na Galiza “contra la voluntad de todo aquel reyno, estando todos en resistencia”. E non oculta o obxectivo final: “pregonar desde el Miño hasta la mar hacer al Rey y a la Reina Señores de aquel Reyno”.A resposta galega a este proceso nasce, nunha primeira fase, cun acordo político entre a nobreza galega, de apoio mútuo en caso de agresión, mais que lamentabelmente -para o futuro da Galiza- non perdurou. Na segunda fase, co enfrontamento armado directo, liderado no sul por Pero Álvarez de Soutomaior (con conexións con Portugal), e no norte co mariscal Pardo de Cela.Pardo de Cela resistiu un cerco de entre dous a tres anos (depende das fontes) no inexpugnábel castelo da Frouseira. En calquera caso, o asedio foi longo e cruento, con numerosos mortos, tanto polo bando galego como polo castelán. A imposibilidade de conquista da Frouseira levou ao mando castelán a empregar o método da traizón, perfeitamente documentada, e que efectivamente levou ao mariscal a ser finalmente preso polo inimigo. Morto Pardo de Cela, o combate continuou, neste caso co protagonismo dunha muller: Constanza de Castro, filla do mariscal. Ela é quen de dirixir un grupo de guerreiros galegos leais e de manter as hostilidades contra as tropas castelás. Despois dun tempo é finalmente cercada no castelo de Vilaxoán (a famosa Torre da Cal da Loba, ainda en pé, no concello de Cospeito, na Terra Chá). Resiste durante once meses o cerco militar, e non se rende. Morre, probabelmente envelenada pola auga podre do alxibe, mais non se rende. Quen si pacta a súa capitulación após a morte de Constanza é o seu home, Fernán Ares de Saavedra, que salva a súa vida comprometéndose a servir aos Reis Católicos na guerra de Granada.En 1487, xa “pacificado” o Reino de Galiza, visitaban o noso país os Reis Católicos. Había 110 anos que un monarca castelán non pisaba terra galega. E ficaba xa definitivamente aberto o camiño que posteriormente se definiría, sen eufemismos, “Doma y Castración del Reino de Galicia”. As consecuencias prácticas ficaban ben á vista: 150 castelos, torres e fortalezas derrubadas, imposición do sistema castelán de pesos e medidas, proibición de reunións numerosas (mesmo en vodas e bautizos), estado represivo controlado pola Santa Hermandad, substitución lingüística, bula papal a bispos de Ávila, Segovia, Córdoba e León con dereitos sobre os mosteiros galegos; expulsión e/ou eliminación dunha parte importante das clases dirixentes, nobiliarias e eclesiásticas. En definitiva, fin da existencia do Reino de Galiza como espazo con dimensión e dialéctica política de seu, ficando dominado militarmente e inserido politicamente baixo dependencia de Castela/España.Este proceso histórico, chave para interpretar o desenvolvemento posterior, foi conveniente e intencionadamente ocultado polos vencedores. Os galegos non podíamos ser conscientes do noso propio pasado, e moito menos dos seus episodios heroicos. E roubáronnos a historia. Obviamente, recoñecer que o proceso de construción do Estado (“moderno”) español se fundamentou na violencia, na represión, na asimilación e na negación de Galiza, bota abaixo boa parte dos tópicos existentes sobre España e, sobretodo, no que ten a ver coa suposta “resignación natural” de galegas e galegos. Aquí o que houbo foi imposición durante 500 anos, non “convivencia harmónica”. E ainda así Galiza, o seu idioma, os seus sinais de identidade cultural, a súa singularidade, continúan a estar vivos e a seren reivindicados cinco séculos despois. Iso é o sorprendente.A data do 17 de Decembro estivo a piques de ser institucionalizada polo nacionalismo galego como Día da Patria Galega, en homenaxe a esa Galiza rebelde que non se rendeu á dominación castelá. En lembranza tamén de Constanza de Castro e desa Frouseira que nunca puideron conquistar as tropas castelás, convertida desde aquela en símbolo de resistencia e liberdade para o pobo galego. Tomemos boa nota e actuemos en consecuencia
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario