ALLARIZ

parroquias de melide

MÁIS PARROQUIAS

/504403158292525912/bb_t047_v000_s0un_f00/images/xslide2.gif" ismap="ismap"/>

GALIZA-CAMERÚN:A IRMANDIÑA INVICTA

duascentas fotos

CAMIÑANDO EN MELIDE

VIAXE A USA

HOLANDA

viernes, 24 de agosto de 2007

ENTREVISTA A NOSA ALCALDESA NO XORNAL GZNACIÓN

Socorro Cea: "En Melide, durante anos, non se lle prestou atención a cousas primordiais"

Socorro Cea é dende xuño alcaldesa de Melide. O 27 de maio trouxo un cambio importante no BNG, e é que por vez primeira o nacionalismo galego conta con alcaldesas, cinco en total, en Melide, Cangas, Tomiño, Vilasantar e A Bola. Melide ten oito mil habitantes, é capital comarcal, pero debe afrontar moitos problemas e necesidades urxentes, como comenta Socorro Cea.

¿Cales son as principais necesidades do Concello de Melide?

Uf, son moitas… Fíxate que Melide ten 26 parroquias e 20 delas non teñen saneamento. Chagamos ao goberno dun concello que leva 16 anos de gobernos do PP con maioría absoluta, e non hai unha soa concentración parcelaria rematada, non hai unha soa praza pública, non hai locais sociais, nos que poidan ensaiar grupos de música ou onde se poidan reunir as asociacións de veciños, na maior parte das parroquias non hai traída de auga, nunca houbo ningún tipo de política destinada á xuventude… Aquí, durante anos, non se lle prestou atención a cousas primordiais.

¿E daravos tempo en catro anos para solucionar todo iso?

Non, evidentemente hai moitas cousas que van levar máis tempo. Hai que comezar a traballar, sobre todo tendo claro que a xente, e o seu benestar, deben ser as prioridades do goberno, o emprego, crear solo industrial para que os mozos non teñan que marchar fóra… Co que hai que rematar tamén é coa política de despilfarro do anterior goberno. Por exemplo, gastáronse 1.2 millóns de euros nun pazo de congresos, que é tan grande e ten tan mala acústica que está pechado case todo o ano, e nin serve como auditorio.

¿Cres que os vosos resultados electorais (o BNG subiu de 4 a 6 concelleiros) foron consecuencia de que a xente comezou a fartarse das situacións que comentas?

Nos meses anteriores ás eleccións nós respirabamos ese ambiente, que a xente estaba farta de moitas cousas, de que o goberno municipal non lle dese solución aos problemas importantes. Sobre todo nos últimos anos, cando ademais comezou a ter unha actitude moi negativa cara á Xunta e á Deputación, unha vez que o PP perdeu ambas institucións.

¿Que ensinanzas sacaches do teu traballo como deputada provincial?

Foi unha experiencia moi positiva. Sobre todo porque me levou a coñecer os 94 concellos da provincia, e a decatarme de que cousas que non había en Melide, ou que aquí non se facían, en concellos con características semellantes si se facían.

Van cambiar tamén as cousas na radio municipal, ¿non si?

Si, hai cousas para as que non se necesitan cartos, que non custan diñeiro, pero que son moi importantes: a democracia, a transparencia. A xente xa está vendo o cambio que se deu na emisora municipal. Cando nós estabamos na oposición nunca puidemos intervir na radio, nin enviar un comunicado. E agora a oposición si ten voz aí. O mesmo á hora de pedir documentos públicos, que o Concello ten a obriga de amosar. Iso cambiou.

¿Cal vai ser a vosa posición con respecto á autovía Santiago-Lugo?

Pois a mesma que tiñamos cando estabamos na oposición. Sempre dixemos que a autovía non podía pasar a dez quilómetros de Melide, cando agora a estrada pasa polo centro, e cando ao pasar por Melide, o trazado da nova vía ten que facer unha curva estrañísima, que case parece feita a propósito para evitar o noso concello. Eu teño confianza en que o trazado final pasará a dous ou tres quilómetros da vila.Despois do 27-M por fin o BNG ten alcaldesas, cinco en concreto. E de feito en Melide de seis concelleiros nacionalistas, catro sodes mulleres.

¿En que cambia a política cando as mulleres tomades un papel protagonista?

Si, cinco aínda non son moitas, pero está claro que é un avance importante.Pouco a pouco imos entrando. As mulleres temos moito que aportar, como en calquera ámbito. E penso que na política, a diferenza que traemos é que actuamos con sentido común (non digo que os homes non o fagan), pero temos sempre presentes as necesidades da xente. E, si, aquí en Melide somos catro de seis, e ademais coincide que xusto os tres concelleiros que temos dedicación exclusiva somo tres mulleres, é dicir que somos as que levamos o peso do día a día da xestión do Concello

No hay comentarios: